Presentación da Semana Santa de Lugo na Casa de Galicia en Madrid

A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, acolleu esta mañá a presentación en Madrid da Semana Santa de Lugo, co obxectivo de dar a coñecer e difundir, entre medios e público en xeral, a tradicional Semana Santa lucense e todos os atractivos que a rodean. Turismo Relixioso, Patrimonio Cultural, Lugo Romano e Lugo Verde, fan da cidade un destino único e incomparable.
No acto, que estivo presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, interviñeron a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; o delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da diocese de Lugo, César Carnero; e o coordinador xeral da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta.
Para José Ramón Ónega, “como lucense que son, sempre é para min un motivo de orgullo acoller un acto como este”.
Pola súa banda, Carmen Basadre lembrou que se solicita para a Semana Santa de Lugo a declaración de Festa de Interese Turístico Galego e explicou que “esta celebración relixiosa ten moita tradición na cidade e son moitas as persoas que cada ano se achegan a Lugo para seguir as vistosas procesións”.
Para César Carnero, delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da diocese de Lugo, a Semana Santa de Lugo está intimamente ligada ao privilexio da Exposición permanente do Santo Sacramento no Altar Maior da catedral, “a tradición eucarística de Lugo, plásmase en que, dende o ano 1963, a procesión do Xoves Santo é a única en España en que a Sagrada Forma sae a procesionar polas rúas da cidade e no acto excepcional que se desenvolve na mañá de Pascua consistente no encontro entre Cristo Resucitado e a súa Nai”.
Mentres, o coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta sinalou que cada ano é máis numerosa a participación na Semana Santa lucense porque conta con “peculiaridades e privilexios excepcionais que a fan completamente diferente á doutros lugares de España e, polo tanto, merecedora de ser visitada”.
Durante a presentación, proxectáronse preto dun centenar de magníficas imaxes de Lugo e a súa Semana Santa.

Theme provided by Danetsoft under GPL license from Danang Probo Sayekti