PRESENTACIÓN DO PROGRAMA PARA A SEMANA SANTA LUCESE 2026

A Semana Santa de Lugo comezará o 25 de marzo coa lectura do pregón na Igrexa Nova a cargo de José Antonio Roldán, xefe militar de Lugo e xefe do Campo de Manobras e Tiro de Parga.

O programa foi presentado este luns, 16 de marzo, na Sala Capitular da Catedral polo Coordinador da Xunta de Confrarías, D. Ramón Basanta, quen animou aos lucenses a desfrutar e participar activamente neste programa, elaborado con grande esforzo e medios limitados, pola Xunta de Confrarías.

Tamén asistiron D. Miguel Fernández, alcalde de Lugo, D. Pablo Rivera, deputado de Promoción Económica e Social da Deputación Provincial, D. Javier Arias, delegado territorial da Xunta, e o reverendo D. Mario Vázquez Carballo, Vigairo Xeral da Diocese.

Ademais das procesións, o programa inclúe diferentes actividades culturais, entre elas a interpretación do Pregón de Semana Santa a cargo do cuarteto de clarinetes Díese Ensemble, a segunda edición de “A Música Tradicional Galega nas Marchas Procesionais”, a cargo do mestre e músico D. Bruno Villamor Gai, prevista para o 26 de marzo no auditorio de Vello Cárcere, e o noveno Concerto de Música Sacra, que terá lugar o 28 de marzo na Igrexa de San Pedro interpretado pola Banda Filharmónica de Lugo. O 27 de marzo celebrarase tamén un solemne Vía Crucis na Praza Pío XII da Catedral, presidido polo bispo Alfonso Carrasco Rouco. Durante a Semana Santa, o calendario de procesións comezará o Domingo de Ramos coa Borriquita e a Virxe das Dores e continuará o Domingo de Resurrección, cando se celebrará o Santo Encontro, a Misa Pontifical de Resurrección e a procesión de Cristo Resucitado.

Durante a presentación, os representantes institucionais insistiron en poñer o foco no valor relixioso, cultural e turístico desta celebración para a cidade, e destacaron o importante que sería para a cidade acadar o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Nacional, polo que todos mostraron o seu apoio incondicional.

gl_ESGalego