O 22 de marzo, na sala capitular da Catedral de Lugo, tivo lugar a presentación da Semana Santa da cidade de Lugo. O primeiro em intervir foi o coordinador xeral da Xunta de Confrarías Ramón Basanta, que sinalou varias novidades:
“Na procesión do Santo Enterro, ademais da intervención de Cántigas de Frores, este ano tamén estarán o grupo A Volta do Agro e pechando a procesión a Banda Filharmónica de Lugo, que por primeira vez participa nun acto procesional, pois ata agora facían concertos pero non interviñeran nunha procesión.
“Está preparándose o I Concurso de Carteis de Semana Santa da cidade de Lugo. Avísase para que a xente que queira participar, o faga. Ademais dun premio económico, o cartel gañador deste primeiro concurso será o cartel da Semana Santa 2024”.
A continuación falou a 3ª Teniente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Paula Alvarellos: “Debe haber unha gran unión entre todas as institucións. A trascendencia relixiosa é o aspecto máis importante da Semana Santa, evidentemente. Tamén é interesante ensinarlle ao país e ao mundo a importancia da nosa cultura. Na nosa cidade xa temos declaracións de bens materiais da humanidade e temos que loitar pola declaración de ben inmaterial da nosa Semana Santa”.
Tamén tomou a palabra o deputado provincial encargado da Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, para quen “aínda que a tradición dos pasos, das esculturas, remóntase ao século XVI, tamén é un exemplo de clara adaptación aos novos tempos da relixión, da tradición e de saber adaptarse ás novas realidades.”
Representando á Xunta estaba o seu delegado en Lugo, Javier Arias, que dixo, entre outras cousas: “A Semana Santa de Lugo é un referente a nivel de toda España. Vén desde a Idade Media e segue manténdose ano a ano. É algo digno de mencionar a declaración da Semana Santa de Lugo como festa de interese turístico galego, o que refrenda ese interese”
O acto pechouno o Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez, e algunhas das súas palabras foron: “A Semana Santa é fundamentalmente fe, expresión dun fenómeno relixioso fondo, e mantén tradicións verdadeiras, fermosas e boas para o Pobo de Deus e para a cidadanía. Na Semana Santa xúntanse fe, arte, cultura, pregaria, culto, música, historia, tradición, poesía…”