O 10 de marzo presentouse no Pazo Episcopal aos medios de comunicación a Semana Santa de Lugo. O primeiro en intervir foi o Coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta, sinalando, entre outras cousas, que debido ás obras e aos andamios situados nalgunhas rúas o percorrido das procesións pode sufrir algunha variación. Ademais, suspéndese a procesión do venres Santo pola noite debido ás obras na Capela da Soidade.
O responsable da área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación Provincial, Eduardo Vidal, lembrou a súa asistencia á procesión da Virxe da Esperanza: “Cando se canta a salve mariñeira, para min é un momento moi especial e moi significativo da Semana Santa lucense”. Tamén dixo que apoiaba a petición feita polo Concello de Lugo para que esta celebración recibise o título de Festa de interese turístico galego
A Concelleira de Área de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da Lingua do Concello, Carmen Basadre felicitou a todos os que organizan esta Semana Santa e dixo que “é moi importante para o Concello de Lugo a unión desta Semana Santa relixiosa co resto do patrimonio que temos na cidade”. Ademais, felicitou ao autor do cartel anunciador da Semana Santa deste ano: o fotógrafo Eduardo Ochoa.
O Vicario Xeral da Diocese de Lugo, Mario Vázquez Carballo, salientou dous momentos da Semana Santa: a Misa crismal e a Misa da noite de Pascua. Na primeira destaca a presenza de máis de 200 sacerdotes de toda a Diocese e que os arciprestes recollen os santos óleos (o aceite foi doado por colleiteiros de Quiroga). Na Misa da noite de Pascua, gran explosión da festa cristiá, asisten numerosos fieis á Catedral.
(Ver programa completo en sección «PUBLICACIONES»)