Presentación da Semana Santa de Lugo 2018

O mércores, 14 de marzo, na capela de San Froilán da Catedral de Lugo presentouse o programa e o cartel da Semana Santa para este ano.  O coordenador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta, foi o encargado de facer um percorrido polos actos mais significativos destes días, sinalando como novidade que o Martes Santo na procesión do Bo Xesús e do Nazareno á altura do convento franciscano, producirase o “Encontro de Maria con Xesús camiño ao Calvario”. As portas do Convento Franciscano abriranse para que a Virxe das Dores (na súa Cuarta Dor)  atópese  co  seu  Fillo  camiño  ao Calvario. Militares entoarán un cántico propio para este acto. A concelleira de Cultura, Carmen Basadre, invitou a sentirse orgullosos dos aspectos polos que a Semana Santa de Lugo é única: o Santísimo Sacramento sae a procesionar, a Virxe da Esperanza está acompañada da Armada, a imaxe da Virxe do Rosario, patroa de Lugo, únese coa do seu Fillo. O responsable da área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación, Eduardo Vidal, congratulouse da participación das institucións e de que este ano se coloquen en varios lugares lonas co cartel da Semana Santa, facendo que sexa máis visible, máis querida e que se valore o traballo dos organizadores.  Para o Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo as imaxes permítennos contemplar a beleza da fe fundamentada na verdade e no ben. Son tres valores inseparables que a Igrexa sempre impulsou. Cómpre vivir isto, porque se fallan os fundamentos, o demais pode quedar nuns ramalletes externos importantes pero se non hai expresión interna dos fundamentos da fe, o demais sería difícil que puidese subsistir.

Theme provided by Danetsoft under GPL license from Danang Probo Sayekti